O BNG aposta por un modelo enerxético propio que free "o espolio" dos recursos
Néstor Rego considera urxente parar a sobreexplotación dos ríos, dos montes e da costa galega
O voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, apelou este domingo á urxencia de "parar o espolio" enerxético en Galicia para avanzar cara a un modelo de produción "ao servizo dos intereses do país".
"Un modelo de produción enerxética a menor escala, vinculado ao país por medio dunha empresa pública, que deixe tamén beneficios aquí", asegurou.
Nunha acción simbólica no encoro do Tambre, no concello de Brión, onde está proxectada unha central de bombeo que conta coa oposición de boa parte da veciñanza, o deputado evidenciou a "sobreexplotación" dos ríos, dos montes e mesmo da costa galega.
"Non ten sentido que cando xa producimos máis enerxía de fontes renovables da que consumimos e mandamos para fóra, fundamentalmente para Madrid, o 40%, haxa aínda 300 proxectos moi lesivos de enerxía eólica, mariña ou a central hidroeléctrica reversible que ameaza este encoro, un proxecto que xa levamos ao Congreso para que o Goberno lle poña freo".
O nacionalista avogou por un modelo diferente, "dimensionado ás nosas necesidades", fronte ás políticas "ao servizo das grandes enérxéticas que so deixan impacto negativo e destrución do medio natural e dos nosos recursos".
Amosouse partidario da articulación de mecanismos de compensación social e avogou de novo por unha tarifa eléctrica galega. Do mesmo xeito, demandou a rectificación das políticas de apoio á minería, que teñen "un impacto ambiental brutal".
Ademais, esixiu a paralización dos proxectos eólicos e a finalización das concesións hidráulicas, do mesmo xeito que a paralización de macroproxectos de centrais de bombeo.
"Galicia está a cumprir a función de colonia, de zona de sacrificio, como se di agora", lamentou.