O PPdeG pídelle ao Goberno axudas para o sector primario para gasóleo e fertilizantes
O deputado galego na cámara baixa, Francisco Conde, instou a desenvolver un novo plan de axudas de emerxencia para "compensar a suba dos custos enerxéticos"
O Partido Popular de Galicia anunciou este domingo que esixirá no Congreso dos Deputados e o Senado que o Goberno central conceda axudas de emerxencia aos sectores agrícola e pesqueiro ante a "forte suba" do gasóleo e os fertilizantes.
Así o sinalou tras unha visita do deputado galego na cámara baixa Francisco Conde a unha explotación gandeira do Saviñao (Lugo), onde instou a desenvolver un novo plan de axudas de emerxencia para "compensar a suba dos custos enerxéticos, o gasóleo e os fertlizantes".
Deste xeito, emprazou a "utilizar toda a marxe de actuación que permite a Unión Europea, ata o 70% do incremento dos prezos, que o Goberno non está a aplicar; estableceu un máximo de 20 céntimos por litro de gasóleo de uso agrario ata o 30 de setembro cando a UE permite compensar ata o 70% dos sobrecustos".
"A situación do sector pesqueiro é similar", reprochou Conde, que tachou de "imprescindible revisar á alza as axudas ao gasóleo; as circunstancias que motivaron estas axudas non cambiaron, é máis, a situación cada vez vai a peor".
O deputado apoiou as mobilizacións de entidades agrarias, que atribuíu á "inacción do Gobierno de Pedro Sánchez", e salientou que os "altos prezos de carburantes e fertilizantes comprometen a rendibilidade dos sectores produtivos", con impacto, segundo dixo, en máis de 65.000 explotacións gandeiras galegas.
Así mesmo, reclamou a substitución do sistema actual de axudas por outro "máis áxil no que o agricultor ou o pescador non teñan que adiantar diñeiro" e afeou que a vinculada co gasóleo agrario se tramita xunto á devolución anual do imposto especial sobre hidrocarburos, polo que se "atrasa a súa percepción", segundo engadiu.
"As medidas propostas polo PP buscan que a suba dos custos de produción non deixen ningún agricultor sen sementar ou que abandone a súa explotación nin que os pescadores se vexan obrigados a deixar de traballar", remarcou a formación.