Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tellado: "Hai unanimidade en que Rueda reúne os requisitos para ser presidente da Xunta e líder do PPdeG"

Tellado: "Hai unanimidade en que Rueda reúne os requisitos para ser presidente da Xunta e líder do PPdeG"

"É importante ter alguén disposto a dar un paso adiante, pero é igualmente importante estar disposto a dar un paso a un lado e formar parte dun equipo", di Tellado

"O PP nacional de Feijóo ten que dar voz á España plural e diversa", asegura o vicesecretario de Organización do PP

G24.gal 19/04/2022 10:22

Miguel Tellado, secretario xeral do PP de Galicia e vicesecretario de Organización do PP, conversou no 'Bos días' con Fran Lopez Iglesias.

Comezando pola actualidade política do PP e a convocatoria dos congresos que acaban de convocarse para elixir os líderes do partido nas comunidades de Madrid e Galicia, Miguel Tellado aclarou que as datas só coinciden nun día e que Fejóo vai poder asistir aos dous congresos.

"O de Madrid é o 20 e 21 de maio e o de Galicia é o 21 e 22 de maio; polo tanto, o presidente Feijóo poderá estar nos dous".

"Comezamos un calendario congresual conxunto do país e deberase estender a continuación noutras comunidades autónomas para ter a maquinaria do partido preparada de cara a esa cita electoral que temos dentro dun ano. Eleccións municipais e eleccións autonómicas".

Desde hai tempo víñase falando de Alfonso Rueda como o futuro substituto de Feijóo e tamén da posibilidade de que fose o futuro presidente do PPdeG, pero Rueda, de momento, tampouco aclara se vai ser candidato á presidencia do PP en Galicia. Ten de tempo ata o día 28 de abril.

Miguel Tellado lembrou, cando lle preguntaron se foi difícil a negociación con outros baróns do PP de Galicia e despois de que Feijóo dixera onte "grazas aos que se botaron a un lado", que o PP é unha "organización democrática e que ata o 28 de abril calquera afiliado con 90 avais pode presentar a súa candidatura para dirixir o partido".

"Somos moitos os que cremos que sería un candidato de consenso"

Aclarou Tellado que "hai unha unidade xeneralizada ao entender que Alfonso Rueda pode ser a persoa que reúna os requisitos para asumir a presidencia da Xunta de Galicia e asumir a presidencia do PP de Galicia". "Ten experiencia", "ten unha bagaxe profesional que avala a súa xestión", conclúe.

"Somos moitos os que cremos que sería un candidato de consenso que permita ao PPdeG seguir garantindo a estabilidade política da nosa comunidade".

Inicialmente, cando comezou o proceso, varios líderes, como o presidente provincial da Coruña, non descartaba unha bicefalia. Miguel Tellado di "que é bo para o partido e para Galicia que no PP haxa tanta xente preparada". Aclara que, como dixo o presidente Feijóo, é "importante ter alguén disposto a dar un paso adiante, pero é igualmente importante estar disposto a dar un paso a un lado e formar parte dun equipo, que ten que encabezar unha persoa pero que ten que conformar moita xente".

"Había xente que tamén vía con receo un posible cambio" no liderado do PP

Tellado di que todo proceso de sucesión "implica riscos, ameazas, posibilidades de erro" e engade: "Pero se fomos capaces de facer ben a sucesión do presidente fundador no ano 2006, estou seguro que imos ser capaces de facer tamén ben a sucesión de Alberto Núñez Feijóo nestes momentos".

"Na sucesión en España había moita ilusión. En Galicia o sentimento é distinto. Había moita xente ilusionada polo paso que dá Feijóo, pero había xente que tamén vía con receo un posible cambio. É normal, estabamos moi acostumados a seguridade que producía un lidera tan forte como o de Alberto Núñez Feijóo".

"O PP ten que dar voz a esa España plural e diversa"

Falando do novo liderado que ten o PP con Nuñez Feijóo en Génova, Telllado lembra que o "éxito do PP en Galicia ten moito que ver con esa capacidade do partido para parecernos á Galicia real. Nós o que lle pedimos ao noso partido a nivel nacional é que se pareza a esa España autonomista, das autonomías, descentralizada e polo tanto o partido tamén ten que ser descentralizado". "España non é Madrid, é moito máis. É moi diversa e temos que saber representala".

"Ten que dar voz a esa España plural e diversa, ese é o primeiro reto. O segundo reto é conseguir que o partido en toda España sexa como o partido en Galicia; un partido cunha gran capilaridade, con presenza en todos os territorios, e representar o que pensan os españois de cada comunidade autónoma".

Pedro Sánchez non quere falar do que lles preocupa aos españois

Tellado fai fincapé na preocupación económica, di que se "falamos coa xente da rúa hai unha gran preocupación pola situación económica. A inflación preto do 10 % está comendo os aforros das familias". "Nós estamos intentando que o PP escoite o que pasa na rúa e traslade esas propostas aos foros intitucionais e tamén ás mesas de diálogo co Goberno de España".

"Lamentablemente, Pedro Sánchez non quere falar do que lles preocupa aos españois. Pedro Sánchez quere falar do que lle preocupa a el  e de como seguir no Goberno, de como manter o Goberno máis caro da historia da democracia, e nós, no novo PP, do que queremos é falar do que lle preocupa á xente na rúa".

"Pedímoslle ao Goberno que baixe os impostos"

Falando das relacións co Goberno Central, Miguel Tellado di que a proposta económica do PP é "concreta", que afecta directamente pequenas e medianas empresas e as familias.

"Pedímoslle ao Goberno que baixe os impostos para que as familias dispoñan de máis recursos"

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade