Os 'Peixes Protectores' chegan a Galicia para combater a mala sona do peixe azul
Comentarios en redes sociais xeran temor sobre o contido en metais pesados de certas especies
Unha campaña promocionará o valor positivo das graxas omega 3 do peixe espada, a quenlla e o marraxo
Chegan a Galicia os 'Peixes Protectores', unha campaña de promoción do peixe azul que trata de combater a mala imaxe que teñen algunhas especies como o peixe espada, a quenlla ou o marraxo.
Para moitos, son superheroes polas súas cualidades positivas; para outros, en cambio, superviláns polo seu contido en metais pesados.
Comentarios habituais nas redes sociais resaltan o perigo desas substancias.
O sector négao e quere contrapor os beneficios destes alimentos, ricos, por exemplo, en graxas omega 3.
É unha campaña da asociación profesional Interfish que conta co apoio da Xunta e que se vai difundir ata finais de ano: haberá mensaxes nos medios de comunicación e demostracións in situ en varios lugares de Galicia para que os consumidores poidan probar diferentes preparacións destes alimentos.
"A quen hai que escoitar é á comunidade médica e científica. Aínda que é certo, tamén o é que todos os alimentos conteñen nalgunha medida metais e outras substancias. O que hai que coñecer é a parte beneficiosa e todo no seu conxunto é innegable que é positivo", asegura a xerente da Organización de Palangreiros Guardeses, Juana Parada.
Peixe espada, quenlla e marraxo son peixe azul, teñen outro superpoder: ao teren poucas espiñas pode aproveitarse máis carne e son doados de preparar.
"Esta campaña fala de coñecer, darlle ao consumidor o coñecemento necesario para que saiba da actividade responsable e sostible que realiza esta flrota", explica a conselleira do Mar, Marta Villaverde.
Ademais, en outubro celebrarase en Vigo un simposio 'Peixe, Saúde e Sostibilidade', no que se presentará o primeiro Decálogo Científico de Posicionamento sobre Saúde e Sostenibilidade, con datos sobre as cualidades destas especies.