Cales son os peixes preferidos dos galegos?
Lirio, xarda e xurelo, entre os peixes que máis consomen estes días os galegos
Peixe azul e pequeno para o verán, pescada e bacallau nos meses de máis frío
En cuestión de gustos non hai nada escrito.
"Pescada, sardiñas e polbo".
"A min a robaliza con ameixas, o mellor".
"O xurelo gústame moito tanto ao forno como á grella, pero ultimamente ten un prezo que está máis barata a pescada que o xurelo", comentaban esta mañá algúns clientes do mercado.
Os prezos son determinantes á hora de comprar.
"Poden un día especial, si, pero normalmente non, a xente tira ao barato, e nótase moito", apunta unha peixeira.
"Compro o que podo porque teño poucos cartos", di unha señora.
Con todo, un dos aspectos que máis inflúe nas preferencias de consumo é a idade.
"Si, home, está claro", asegura un peixeiro.
"A xente nova sen ningunha dúbida vaise ao salmón con moita diferenza, e despois vanse ao que vén filetedo, ao que non ten tanta espiña. A xente maior non, a xente maior vaise máis ao clásico, pescada, congros, sardiñas...", explica outro.
Triunfan sempre os de temporada.
"No verán vaise a xente ao peixe azul, e en cambio no inverno a xente non quere fritidos, quere cocidos e vai ao peixe branco".
Buscamos os preferidos estes días.
"Os lirios, os lirios seguramente sexan os que máis se consomen, e despois xurelo tamén grande, xarda", continúa.
O que tamén puidemos comprobar é que os galegos somos de preparacións ao natural sen demasiados artificios que enmascaren o auténtico sabor a mar.