Os Palleiros busca axuda cunha lista de desexos nunha plataforma de comercio electrónico
O encarecemento da vida fai que as protectoras de animais busquen novas formas de financiamento
Pódese contribuír adquirindo calquera produto da lista, que chega directamente ao refuxio
Uns 70 cans viven na protectora de animais Os Palleiros, en Pontevedra. Os gastos que afrontan levaron a asociación a crear unha lista de desexos nunha plataforma de venda en liña.
Gloria Cubas, presidenta da asociación, explica que se poden adquirir correas ou comedeiros e obxectos necesarios para o coidado dos animais.
Contan con outras formas de axuda, dende socios con cotas programadas a ingresos puntuais mesmo por Bizum. Son moitos os que se achegan como voluntarios para ofrecer o seu tempo e coidar dos animais.
Todos os cans agardan un fogar e pódense ver nas redes sociais dos Palleiros coas súas descricións. Este sábado, Os Palleiros organiza un mercado en Pontevedra para recadar fondos para a protectora.