Publicador de contidos

Publicador de contidos

Organizaban pelexas clandestinas de galos con apostas no alpendre da súa casa de Coristanco

Organizaban pelexas clandestinas de galos con apostas no alpendre da súa casa de Coristanco

Facían apostas de milleiros de euros por galos que no mercado ilegal poderían superar os corenta mil euros

A Garda Civil atopou uns vinte galos e polos que usaban para as apostas no Piñeiro, en Coristanco, A Coruña

G24.gal 11/06/2025 13:50

En Coristanco, unha familia está a ser investigada por organizar, supostamente, no alpendre da súa horta, pelexas de galos con apostas de cartos que superaban os vinte mil euros. Tamén, segundo os investigadores, había un importante consumo de drogas nesas reunións. Hai catro persoas investigadas. A Garda Civil incautouse duns vinte animais, que están nun centro de recuperación e que se podían chegar a vender no mercado negro por máis de corenta mil euros.

Buscando polas pistas do concello de Coristanco o alpendre no que a Garda Civil descubriu que se facían pelexas clandestinas de galos, vemos que non se chega aquí, ao Piñeiro, por casualidade. Non. Chamamos á porta. Claramente, non somos ben recibidos, e quen nos abre nega ter noticias das apostas clandestinas que, polo que sabemos, se organizan na parte traseira da súa casa. Hai tres homes e unha muller, presuntos organizadores, que están sendo investigados.

Os investigadores falan de pelexas clandestinas de galos, con apostas de cartos e consumo de cocaína. Nesta parroquia de Coristanco, onde viven uns quince veciños, chegaba a haber ata medio cento de persoas xogando cartos nun alpendre. As apostas eran altas, entre dez mil e corenta mil euros.

A Garda Civil levou uns vinte galos e varios polos que supostamente usaban para que pelexaran entre eles e apostar cartos. Vemos que é relativamente sinxelo dar cun galo para apostar. Cunha busca rápida en Internet damos con varios anuncios que ofrecen galos de pelexa. Desde cen euros ata case catrocentos, hai onde escoller.

Os do Piñeiro parece que os traían de Madrid. Agora, de momento, están nun centro de recuperación. Calculan os investigadores que por algún dos galos recuperados poderían pagarse entre dous mil ou ata, por algún, corenta mil euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade