Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciñanza de Sarela de Abaixo, en Santiago, pide a reparación do firme cheo de covos

Veciñanza de Sarela de Abaixo, en Santiago, pide a reparación do firme cheo de covos

A estrada, que enlaza Vidán coa zona de Figueiras, soporta un goteo constante de tráfico

As fochancas son un risco para os turismos e tamén unha mala imaxe para os peregrinos  

G24.gal 13/06/2025 14:37

Comeza a xincana por Sarela de Abaixo, uns dous quilómetros de sube e baixa, de fochanca en fochanca. Sorte que de día se ven os ocos. 

"É un desastre como está. Fanlle algún apaño pero estamos nas mesmas, que é estragar os coches, rodas e todo".

"Uso moito taxi e as taxistas sempre se queixan porque din que hai moito covo e que lles estragan os coches".

A estrada é de por si complicada, con moita curva, zonas estreitas entre casas e moito parche... esquivar os covos non resulta fácil. E non é o primeiro que leva un recordo.

"Subía por aí arriba e díxome Richard que parara porque me caera un debuxo, unha peza debaixo da matrícula e foi porque nas fochancas que hai na parte de baixo, o sinal botouse fóra do sitio, porque vai a presión".

"Repercute porque o que ten coche, cóidao e se vas a un sitio onde poidas ter problemas de rebentar unha roda, ao chegar sempre din: cando arranxades a estrada?", lamenta un hostaleiro da zona.

Malia ser unha estrada secundaria, das aforas da cidade, o goteo de coches é constante.

"Une a estrada de Figueiras coa de Vidán e por aquí pasa moito coche".

"Hai moitas casas para peregrinos e por aí arriba hai unha vida enteira porque hai almacéns para pensos, hai supermercados, hai bares e hai de todo".

Mal atallo para os turismos e peor escaparate para os peregrinos. 

"Pasan por aquí porque é unha ruta importante e dá mala imaxe para a ruta e tamén para os negocios que hai aí abaixo".

Tras anos de abandono, a veciñanza iniciou unha recollida de sinaturas que xa entregaron no Concello. De momento, con pouco éxito.  
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade