Detida unha muller pola morte dun home a puñaladas en Vigo
O crime produciuse na antiga estación de autobuses, e ao parecer trátase de dúas persoas sen fogar
Unha muller foi detida pola Policía Nacional como presunta autora da morte a puñaladas dun home en Vigo. O crime produciuse na antiga estación de autobuses, na rúa Gregorio Espiño, onde pasan a noite a diario numerosas persoas sen fogar.
O 112 Galicia confirmou que contra as 18:30 horas recibiu o aviso dun particular sobre un altercado na estación cunha persoa ferida, un suceso do que deu traslado á Policía Nacional, á Policía Local e a Urxencias Sanitarias.
Os axentes atoparon o home, de 56 anos, ferido, pero finalmente faleceu. A presunta autora do crime ten 36 anos. A parella xa fora identificada en ocasións anteriores pola Policía Local, pero descoñécese se mantiñan unha relación sentimental.