Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian as molestias que lles ocaciona a reapertura dunha céntrica discoteca en Ourense

Denuncian as molestias que lles ocaciona a reapertura dunha céntrica discoteca en Ourense

Os veciños da rúa Valle-Inclán aseguran que os ruídos, a vibración da música e a presenza de xente na rúa ata altas horas da madrugada fan imposible o seu descanso

G24.gal 03/11/2025 14:23

Apenas pasaron dez días dende a súa reapertura e os veciños din que xa non poden máis.

"Insoportable: dúas e media, cinco e media, seis e media... é que non se durmiu. E mira que traballo no trece, pero parece que tivera a discoteca aí. Á parte de que a ringleira chegaba ata a metade da rúa, xa."

Os veciños insisten en que o Concello permitiu a reapertura da discoteca cunha licenza do ano 82 e que, polo tanto, non cumpre cos criterios de accesibilidade e insonorización actuais. Temen ademais que o feito de estar nun soto poida provocar mesmo algún accidente en caso de emerxencia. Así o explica Miguel Bernárdez, presidente da comunidade de veciños.

"O noso avogado solicitou unhas medidas cautelares que polo momento non responderon. O que pediamos era que pechara a discoteca de xeito inminente e que se estudara despois todos os expedientes, que dende o noso punto de vista demostran que a discoteca abriu nunhas condicións en que non debeu abrir. Que é unha molestia para os veciños e un perigo para os ocupantes, para a xente que vai aí, porque se pasa calquera cousa, deus non o queira, pois podería haber unha desgraza".

Din que non entenden como se permitiu a súa reapertura despois de levar anos pechada. As noites, din, están a ser insoportables. 

"Moitísimo ruído, toda a xente na rúa. Estaba sucísimo, iso pódese ver nas imaxes, que estaba todo cheo de merda. E paréceme moi perigoso: non hai saída de emerxencias, todo nun soto e paréceme súper perigoso. A xente é o que máis se escoita porque moitísima non está dentro, está toda fóra".

Quéixanse tamén da sucidade coa que se atopan ao saíren das súas casas. "Onte a mañá saín da casa e estaba isto feito un noxo, vomitado, horrible. Pero a ver, que lle imos facer se o permiten e autorizan a que manda é a lei".

Din sentirse completamente abandonados polo Concello, por iso decidiron levar a reapertura da discoteca aos xulgados. Piden que se revisen os expedientes e se tomen medidas para reverter esta situación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade