Conmovedor rescate na praia de Caión, no concello da Laracha
Tres bañistas estaban en apuros na zona próxima aos cantís
Dous conseguiron saír polos seus propios medios, o terceiro foi rescatado por un surfista
Diego converteuse no heroe deste rescate. Estaba dando unhas clases neste areal de Caión cando unha rapaza lle pediu auxilio.
"Automaticamente collín unha táboa da escola e fun correndo ata a zona onde, presuntamente, estaba acontecendo algo. E xa vin tres persoas con dificultades para saír da auga", explica Diego Martínez, director da Escola Brava Surf.
Os tres bañistas estaban nunha zona próxima aos cantís, coñecida entre os surfistas como a canle de Caión. Pouco a pouco, dous deles conseguiron chegar á beira polos seus propios medios. Porén o terceiro, por mor da súa fatiga e nerviosismo, non era capaz e xa estaba afundindo.
"Tiña cara de medo. Estaba nunha situación complicada porque estaba fatigado... E ti intentas transmitirlle tranquilidade. Cando chegas, a persoa quere flotar e xa se agarra a ti... Pero empreguei a táboa da escola para asistilo, tombeino e eu adoptei unha postura que me permitise ir remando ata a beira", engade Martínez.
E así conseguiu levalo ata a beira, onde o agardaban os seus.
"Abrazámonos. Deume as grazas... Estaba todo ben e eu marchei para seguir coa actividade".
Un episodio que, como di Diego, quedou nun susto que rematou cun sorriso.