Na procura de restos de barcos históricos no golfo Ártabro
Unha campaña impulsada pola Xunta, a Policía Autonómica e a Unidade de Mergullo da Armada en Ferrol busca restos de barcos afundidos na área do Golfo Ártabro
Afundido fronte ás costas galegas, o galeón Regazona leva máis de catro séculos durmindo no fondo do mar. Trátase dun dos buques máis grandes da coñecida como a Armada Invencible. Foi a pique no ano 1588, co seu impoñente tamaño e os seus 32 canóns de bronce.
Os seus restos están a ser buscados na enseada de Cariño a través dunha campaña impulsada pola Xunta, a Policía Autonómica e a Unidade de Mergullo da Armada en Ferrol. Na área do golfo Ártabro buscan restos de barcos afundidos, do patrimonio cultural esquecido debaixo da auga.
O director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Ángel Miramontes, visitou este mércores os participantes na campaña arqueolóxica submarina de localización de restos de barcos históricos na área do golfo Ártabro, correspondente ás rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol.
"Galicia é un exemplo pola riqueza e a variedade do patrimonio cultural, tamén do que está baixa a auga; por iso, son importantes este tipo de actuacións, que nos permiten ampliar o coñecemento que temos sobre fitos históricos e o noso legado subacuático", resaltou Miramontes.
Nestes traballos interveñen técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, a Unidade de Mergullo de Ferrol da Armada, o Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e o Servizo de Gardacostas.