Rescatan un ancián en Tui que caeu a un patio interior desde un muro de cinco metros de altura
Sufriu feridas graves nas pernas
Os bombeiros argallaron un sistema con poleas para izalo en padiola
O accidente ocorreu nunha terraza privada á que a familia non permitiu o acceso coa cámara. O ancián estaba realizando tarefas na parte superior. Nun momento dado, perdeu o equilibrio e precipitouse ao baleiro. Caeu a un patio interior desde unha altura de case cinco metros. O valado metálico non impediu a caída.
"Non sabemos se tropezou e bateu contra o valado, ou se o valado cedeu, o certo é que el caeu e o valado viu con el detrás", comenta Jorge Esteban Gómez, bombeiro do parque do Porriño que participou no rescate.
Acudiron en primeiro lugar os servizos médicos do 061, que pudieron baixar ata o patio coa axuda dunha escaleira. Deseguido chegaron os bombeiros, que inmobilizaron o ferido e argallaron o sistema para izalo en padiola.
"O primeiro foi inmobilizar o ferido, para evitar lesión medular. Sí tiña as pernas bastante danadas. Unha vez inmobilizado, fixámolo na padiola. Cun sistema de poleas e cordas izámolo pola escaleira e levámolo ata a ambulancia", relata o bombeiro.
Os médicos non desbotan que o home, de 86 anos, sufrira unha lesión na cadeira, previa á caída, o que motivaría que perdera a verticalidade. En todo caso, as feridas sufridas no accidente son graves.
"É unha persoa maior, cunha mobilidade reducida. E bueno, coa caída a esa altura, ademais abaixo o chan era duro, polo tanto non amortiguou nada", conta o bombeiro do parque do Porriño.
O home foi trasladado ao hospital, onde permanece en observación.