Buscan o quinto agresor da pelexa de Pontevedra e probas na contorna do parque
Peitean o parque de Barcelos, supostamente en busca dun coitelo que parece que atoparon e piden imaxes nos negocios da zona
Cando se fai unha semana da pelexa, dous dos feridos seguen ingresados e polo menos un deles moi grave
Os axentes repartíronse por zonas, polo parque onde se produciu a pelexa e tamén polo xardín máis próximo.
"Estiveron por aquí buscando algo, que non sei o que era, e viñeron pedir unha escaleira para mirar por riba do aparcadoiro, das entradas do aparcadoiro", explica un veciño que, como a maioría, non quere dar a cara.
Buscaban supostamente un segundo coitelo dos que usaron os agresores, e que, segundo algunhas fontes, acabou aparecendo. Hoxe volveron.
"Estiveron dúas axentes da policía científica preguntando polos establecementos se tiñamos cámaras de seguridade e aquí había unha cámara de seguridade, que por protestas de alguén, desconectaron", lamenta outro veciño da zona.
Cando fai unha semana da pelexa, falta tamén localizar o que se considera o agresor principal, o responsable da pelexa que deixou xeados os veciños, malia que o vían vir.
"Repartiron o parque. Cada grupo ten a súa zona de influencia e hai dúas delas que se dedican ao comercio, á venda de substancias. Nuns días van volver porque teñen a súa vida montada aquí. Teñen aquí o seu negocio", engade o mesmo residente.
"Vías xente que non é de aquí e xa se vían as leas. Non porque non sexan de aquí, senón porque ves ao que andan. Cuadrillas que xa vías que algo se cocía", confirma outro.
A pelexa deixa unha sensación de pesar entre outros inmigrantes.
"Sinto vergonza allea por ese tema por como nos fai quedar, como colombianos que somos, que vimos traballar e dar boa imaxe do noso país. E tamén me dá pena polos pais, que se esforzan por traer os fillos aquí e darlles unha boa vida", dóese un compatriota.
Os dous feridos seguen ingresados, un no Montecelo e o outro en Santiago, en estado moi grave. Os supostos agresores correron distinta sorte: dous quedaron en liberdade, dous xa están en prisión e buscan un quinto que xa estaría identificado.