Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión sen fianza para un dos participantes na pelexa entre dúas familias de feirantes no Burgo

Prisión sen fianza para un dos participantes na pelexa entre dúas familias de feirantes no Burgo

Outras dúas persoas están investigadas por un delito de tenza ilícita de armas

G24.gal 18/07/2025 16:15 Última actualización 18/07/2025 16:25

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do home detido tras unha pelexa multitudinaria entre feirantes que deixou un ferido grave por arma branca.

O suceso ocorreu este xoves durante a montaxe das barracas das festas do Burgo, en Culleredo. O detido está investigado por un delito de lesións cualificadas con uso de instrumento perigoso, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Dúas persoas investigadas por armas ilegais

A xuíza tamén decretou a liberdade para dúas persoas máis — nai e fillo — que pasaron a disposición xudicial polos mesmos feitos. Ambos están investigados por un delito de tenza ilícita de armas.

Tras o ocorrido, o Concello de Culleredo e a Garda Civil reforzaron a vixilancia na zona. O alcalde, José Ramón Rioboo, advertiu que suspenderá as festas se se producen novos altercados. As celebracións están previstas do 23 ao 28 deste mes.

Participación dunha trintena de persoas na pelexa

Segundo explicou a Garda Civil, na pelexa estiveron implicadas entre 20 e 30 persoas. Durante o operativo, os axentes detiveron un home de 26 anos como presunto autor dun delito de lesións graves, tras agredir outro home cunha arma branca e causarlle unha ferida de prognóstico grave.

Ademais, os axentes identificaron unha muller de 52 anos e un mozo de 20 que portaban un obxecto envolto de grandes dimensións. Comprobaron que se trataba dunha arma de fogo manipulada e sen documentación, polo que foron detidos como presuntos autores dun delito de tenza ilícita de armas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade