Morre unha muller atropelada polo tren nun paso a nivel de Monforte
A falecida é unha veciña da vila duns 70 anos, que foi alcanzada por un convoi de mercadorías no paso da Florida
Un tren de mercadorías atropelou unha veciña de Monforte duns 70 anos. Sucedeu no paso a nivel da Florida, a un quilómetro da estación da vila. Os servizos sanitarios só puideron certificar a morte da vítima e asistir o maquinista, que quedou moi afectado.
O último atropelo mortal nun paso a nivel de Monforte rexistrárase en 2017. Fora no mesmo cruzamento, que é o que soporta unha maior circulación tanto peonil como viaria.
A policía investiga agora as circunstancias do suceso, que afectou tanto ao tráfico ferroviario como de vehículos. De feito, o paso permaneceu cortado durante tres horas, mentres que os pasaxeiros de varios trens tiveron que ser trasladados en bus ao seus destinos.