O famoso chef Gordon Ramsay cualifica a carne galega como "a mellor do mundo"
O prestixioso cociñeiro británico di que a carne galega non ten nada que envexar a outras carne moi afamadas como a de angus
Manifestou tamén o seu desexo de abrir un restaurante propio en Galicia
O famoso e mediático cociñeiro británico quedou namorado de Galicia. Polo menos dos seus produtos, que tivo ocasión de probar nas súas visitas. Viño, percebes, pero sobre todo a carne de tenreira galega suprema sorprenderon o chef, que di que nada ten que envexar a outras afamadas carnes como a do angus. Di que é a mellor do mundo.
"É un orgullo para nós. Que xente de todo o mundo se fixe en nós é porque algo estamos facendo ben", di a gandeira Lucía Casal.
"Ramsey fai referencia ás súas cualidades organolépticas, que fan que as nosas carnes teñan esa fama", apunta Luis Vázquez, director de Promoción da IXP Ternera Gallega.
Antes de Ramsay foi o actor Henry Cavill, o intérprete de Superman, o que mostrou admiración pola nosa rubia galega. Tanto lle gustou que quixo mercar varios exemplares aquí no Corgo para criar na súa parcela preto de Londres.
"Temos que estar moi agradecidos pola súa visita e repercusión e polo recoñecemento que nos deu a nivel internacional", di o gandeiro do Corgo, José Antonio Ferreiro, que atendeu a Henry Cavill hai meses.
Parte do segredo desa carne que conquistou os padais máis esixentes está aquí, na terra. Nunha forma de produción en extensivo, con animais facendo libremente nos prados. Boa comida e moito deporte que converten a súa carne nun manxar.
A sona da nosa carne chega tamén a Hollywood, e así falou dela Eva Longoria cando nos visitou recentemente.
"Eu sabía que Galicia tiña a mellor carne, non de España senón do mundo, e encantoume ver como fan aquí", dixo Eva Longoria en Santiago hai uns meses.
O chef Ramsay dixo tamén que lle encantaría abrir un restaurante seu en Galicia porque somos -di- un paraíso gastronómico.