Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mariscadores da ría do Burgo piden non sementar ata arranxar deficiencias dos traballos de rexenaración

Mariscadores da ría do Burgo piden non sementar ata arranxar deficiencias dos traballos de rexenaración

Desde a Administración central din que polo momento estanse facendo probas e que agarda que a Xunta dea a autorización definitiva

G24.gal 12/04/2024 11:48

A finais deste mes rematan as obras de rexeneración ambiental na ría do Burgo, e a empresa encargada da dragaxe xa comezou coas probas para a sementeira de cría de marisco. Unha actuación que non conta co apoio dos propios mariscadores porque din que o terreo aínda non está preparado.  

Imaxes gravadas polos mariscadores que traballan na ría do Burgo recollen o momento en que técnicos da concesionaria encargada da dragaxe comezan a botar a auga dende unhas tubaxes ás primeiras crías de bivalvos para que os bancos volvan ser produtivos.

O Goberno central, que foi quen promoveu os traballos, insiste en que son probas á espera de que Xunta dea as autorizacións definitivas para a sementeira.

"Estamos á espera de quen é a Administración competente..., que os técnicos competentes nos dean as autorizacións e determinen se efectivamente é o momento de plantalos e dicir cal vai ser o sistema de plancto", di Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.

Pero a Xunta denegou este permiso porque considera que os bancos marisqueiros aínda non están en condicións. E os mariscadores tamén apoian esta decisión. Manuel Baldomir, presidente dos mariscadores da ría do Burgo pide á Xunta que non recepcione a obra con esas irregularidades que hai que resolver.

O informe vai avalado polo biólogo da Consellería do Mar e entenden tamén que deben eliminar montículos de pedras que poden ser prexudiciais para a navegación e asentar os terreos porque deixaron montículos de area.

O 26 de abril rematan as obras de dragaxe e din que a partir desa data quedarán sen cobertura. Seguen á espera de que o Goberno se reúna con eles e o que piden son garantías de que a partir desa data seguirán percibindo as axudas, porque calculan que ata que os bivalvos acaden un tamaño comercial poderían transcorrer dous anos máis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade