Os maiores denuncian en Lugo exclusión financeira e piden que se tomen medidas
Quéixanse de que as entidades bancarias apostan por máquinas en detrimento da atención ao cliente
As persoas maiores consideran un abuso o trato que están a recibir das entidades bancarias. Din estar fartos de que os remitan a uns caixeiros automáticos que non saben usar e saíron á rúa en sinal de protesta.
Da man da Asociación de Xubilados e Pensionistas a cidade de Lugo acolleu a primeira concentración cidadá para facer visible o que consideran un trato discriminatorio da banca coas persoas maiores.
Foron con cartas que entregaron nos bancos expresando o que senten cando nas sucursais se lle pecha a porta e os remiten a realizar operación nos caixeiros ou a través de aplicacións informáticas. Quéixanse de que están a sufrir unha exclusión financeira e reclaman que se tomen medidas.
Quéixanse de que as entidades bancarias apostan por máquinas en detrimento da atención ao cliente. Afirman que non paran de pechar oficinas, especialmente no rural, e que se reducen os horarios de atención.