O IPC acelera en xuño ata o 2,3 %, unha décima máis do previsto
A inflación é tres décimas superior á do mes anterior
As froitas e as verduras soben de prezo
A inflación sobe en Galicia ao 2 %, tres décimas menos que a media española

O Instituto Nacional de Estatística (INE) revisou o índice de prezos ao consumo (IPC) de xuño ata o 2,3 %, unha taxa unha décima superior á adiantada hai dúas semanas e tres décimas por encima da de maio, mentres que a inflación dos alimentos repuntou tres décimas, ata o 2,8 %.
Os datos remitidos polo INE este martes confirmaron a taxa de inflación subxacente, que non ten en conta a enerxía nin os alimentos frescos, no 2,2 %, a mesma que o mes anterior.
A aceleración da taxa xeral débese, principalmente, aos grupos de transporte, polo encarecemento dos carburantes para vehículos; da vivenda, polo encarecemento do gas e os combustibles líquidos, e dos alimentos e bebidas, polo mellor comportamento de legumes e hortalizas e da carne, o peixe e o marisco.
A inflación sobe ao 2 % en xuño en Galicia
O índice de prezos de consumo (IPC) subiu en xuño en Galicia ata situarse a taxa interanual no 2 %, tres décimas por encima que o mes anterior, pero tres por baixo da media española, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Por grupos, alimentos e bebidas non alcohólicas rexistran unha inflación do 1,7 % e é do 4,1 % en bebidas alcohólicas e tabaco. Vestido e calzado incrementan os seus prezos un 0,6 % en evolución anual, mentres que vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles fano un 3,8 %.
Pola súa banda, os aumentos son do 0,8 % para mobles, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar, 2,2 % en sanidade, 2 % en comunicacións, 0,2 % e lecer e cultura, 2,6 % en ensino e 5 % en restaurantes e hoteis. Baixaron un 0,8 % para o transporte.
O Goberno destaca a estabilidade dos prezos
En calquera caso, no Ministerio de Economía, Comercio e Empresa destacan que con estes datos confírmase a tendencia á estabilización da inflación por volta do 2 %, nivel de referencia para o Banco Central Europeo.
Segundo Economía, a evolución da inflación no sexto mes do ano é debida, principalmente, ao aumento dos prezos dos carburantes, en liña co encarecemento do petróleo nos mercados internacionais e do gas, fronte á baixada que rexistraron en xuño do ano pasado.
En sentido contrario, o ministerio destaca a redución do prezo do aceite de oliva, que acumula un descenso do 48 % desde o pico alcanzado en abril de 2024 e se sitúa en niveis de hai máis de dous anos, e mais a desaceleración dos servizos de aloxamento e a caída da contribución dos paquetes turísticos.
"España continúa cunha situación de estabilidade e moderación de prezos, que, xunto aos aumentos salariais, permite que os fogares sigan gañando poder adquisitivo, conxugándose cunhas perspectivas de crecemento económico por encima das principais economías europeas", sinalou o departamento que dirixe Carlos Cuerpo.