Publicador de contidos

Publicador de contidos

As axudas da Xunta de redución de xornada para coidado de fillos poden solicitarse desde este martes

As axudas da Xunta de redución de xornada para coidado de fillos poden solicitarse desde este martes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as bases destas axudas, que contan cunha partida duns 620.000 euros, a mesma cifra que en 2024, cofinanciadas pola Unión Europea

G24.gal 15/07/2025 08:44

A Consellería de Política Social convoca as axudas para compensar a redución de xornada de traballo que asumen familias galegas a fin de atender a fillos de ata 3 anos (ou 12 anos no caso de ter recoñecida discapacidade), cuxo prazo de solicitude comeza este martes, 15 de xullo, durante un mes.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as bases destas axudas que contan cunha partida duns 620.000 euros, mesma cifra que en 2024, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos no período entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.

Os apoios irán desde os 1.700 euros ata os 3.700 en función da porcentaxe de redución da xornada laboral (de polo menos o 12,5 %), da súa duración (o máximo período subvencionable será de 8 meses) e do número de fillos a cargo.

Poden acceder ás axudas as familias monoparentais en que a persoa que exerce a maternidade ou paternidade en solitario se acolleu á minoración da xornada.

Tamén as unidades integradas por unha muller e un home, nas que este último reduza o seu horario co obxectivo de que as traballadoras poidan seguir desenvolvendo a súa carreira e incrementar o fomento da corresponsabilidade nos coidados dos menores.

No caso das familias integradas por dúas mulleres ou dous homes mais os fillos, poderán recibir os apoios de reducir a xornada algún dos seus integrantes.

Ademais, poden resultar beneficiarias tamén as persoas traballadoras con menores en adopción ou acollida familiar, sempre que non transcorresen tres anos desde a súa oficialización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade