Os inspectores de traballo volven á folga en demanda de máis persoal
Os inspectores de traballo volven á folga en demanda de máis persoal
Os sindicatos que representan aos inspectores de traballo reclaman que se cumpra o acordo asinado co Ministerio de Traballo en xullo de 2021 e que recolle a maioría das súas demandas
Nunha entrevista na Radio Galega, o responsable do colectivo na Confederación Intersindical Galega (CIG), Xosé Xoán Fernández, asegura que o desenvolvemento do acordo está paralizado desde o pasado mes de marzo á espera da luz verde do ministerio de Facenda e Función Pública
Os funcionarios da inspección de traballo volven este mércores, 25 de xaneiro, á folga en demanda de melloras das condicións laborais e do reforzo do cadro de persoal.
Os sindicatos esixen que se cumpra o acordo asinado hai ano e medio co ministerio de Traballo. Xosé Xoán Fernández, da CIG, asegurou na Radio Galega que o desenvolvemento das medidas que figuran nese acordo está pendente da autorización de Función Pública.
"Chegamos en xullo de 2021 a un acordo coa Dirección Xeral da Inspección de Traballo. Un acordo que contaba co visto bo político da Secretaría de estado da vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo. Ese acordo agora mesmo leva desde marzo do ano pasado parado, estancado, no ministerio de Facenda e Función Pública".
Xoán Xosé Fernández recoñece que o ano pasado incrementaron os orzamentos destinados á Inspección de Traballo, pero que non se puideron facer efectivos.
"O orzamento mellorouse. O capítulo 1 que é o relativo a gastos de persoal, incrementouse. Pero tamén é certo que non se gastou. O ministerio de facenda e Función Pública non deixa gastalo. De feito, en novembro do ano pasado devolveuse o 20 % do capítulo total. Os incrementos están moi ben, pero o que está mellor é deixar gastar os cartos no que se necesita".
Os sindicatos que representan aos case 3.000 inspectores de Traballo que hai en España xa convocaran un paro de 24 horas o pasado 21 de decembro e teñen previsto volver para o 22 de febreiro se non hai resposta por parte do Goberno ás súas reivindicacións.