A viguesa Pescapuerta compra Conxelados Llinares, líder en Andalucía en distribución para hostalería e restaurantes
A viguesa Pescapuerta compra Conxelados Llinares, líder en Andalucía en distribución para hostalería e restaurantes
Con esta operación, Pescapuerta posiciónase como unha das empresas líderes do ámbito de distribución de conxelados a nivel nacional
(Arquivo TVG)
A pesqueira viguesa Pescapuerta confirmou a compra de Conxelados Llinares, empresa líder en Andalucía no negocio de distribución de todo tipo de produtos conxelados ao sector HORECA (hostalería, restaurantes e cáterings), con sede social en Alxeciras.
Con esta operación, Pescapuerta posiciónase como unha das empresas líderes do ámbito de distribución de conxelados a nivel nacional, "reforzando a posición de liderado que xa exerce a través da súa filial ELMAR no norte e centro de España", segundo recalcaron fontes da compañía.
Esta adquisición permite a Pescapuerta consolidarse comercialmente en Andalucía e dispoñer de centros loxísticos de última xeración no ámbito de Alxeciras e Málaga.
No exercicio 2025, o Grupo Pescapuerta alcanzou unhas vendas totais de 334 millóns de euros, o que supón un incremento do 3% respecto ao ano anterior. No ano 2026 estima que chegará aos 400 millóns de facturación, incluíndo xa a nova adquisición de Conxelados Llinares.
Pescapuerta, fundada nos anos 40, emprega actualmente a 1.700 traballadores e, segundo sinalou a empresa, "o incremento das vendas estivo impulsado pola evolución positiva" das súas dúas liñas estratéxicas, que son o negocio tradicional como armadora, (que continúa sendo o piar fundamental da súa actividade) e o fortalecemento da súa canle de distribución orientado ao sector HORECA.
Actualmente, exporta máis dun 45% das súas vendas ao exterior, e comercializa os seus produtos en máis de 70 países, entre eles Croacia, Italia, Portugal, Francia, Xapón, Eslovenia, Xordania ou China.