Os hoteis do Grove están case cheos con estadías que se alongan ata os quince días
Traballan coa previsión dunha ocupación media para xullo e agosto de ata un 80 %
Despois do mellor mes de xuño en número de visitantes nos últimos anos, os hoteis do concello do Grove traballan coa previsión dunha ocupación media para xullo e agosto de ata un 80% e non descartan colgar o cartel de non hai cuartos con reservas de última hora.
O turismo neste concello das Rías Baixas ten por estandarte as praias de bandeira azul, o turismo termal de luxo na Illa da Toxa, o marisco e a tranquilidade aínda que isto minguou no último lustro.
Cóntannos desde hoteis de dúas e tres estrelas que desde hai uns cinco anos as estancias vanse alongando e xa hai moitos clientes que quedan no Grove ata quince días. Turismo de familias e de parellas en todo o estado español que chegan ata aquí no seu propio vehículo.
Os hoteis do concello do Grove roldan o 70% da ocupación hoxe e chegarán a estar case completos nos meses de xullo e agosto. Turistas de toda España, en familia, con estancias de ata quince días.
"Estamos en tendencia e subindo. Mellor que o ano pasado. O forte sempre é a segunda quincena de xullo e todo agosto. O que si notamos é que cada vez hai estancias máis longas e que a tempada tende a alongarse máis. Moitos españois, moita xente do sur de España. As estancias máis longas é da xente que fai máis quilómetros. Despois xente do norte, sobre todo no último minuto. E familias", conta Merecedes Padín, a directora do hotel Maruxía do Grove.
"Esta primeira quincena observamos que a xente reserva máis días. Hai xente incluso que permanece no noso hotel ata quince días. E tamén estancias de tres ou catro días cando antes eran dunha noite, incluso. Hai máis establecementos, non só hoteis e hostais, tamén apartamentos turísticos... e a xente busca O Grove pola tranquilidade e pola masificación que temos nos concellos veciños", explica Raquel Costa, a directora do hotel Montemar do Grove.
Clima agradable, gastronomía de dez e a tranquilidade de non ser O Grove, polo momento, un concello masificado no verán.