Os hostaleiros de Santiago agardan en agosto unha ocupación próxima ao 80 %
O 1 de agosto é un día de remuda de turistas nos hoteis
O 42 % dos españois gozan das súas vacacións en agosto
Hoxe nas rúas de Santiago é un día de pantalóns curtos... e maletas. "Irémonos dentro dun anaco. Seguiremos coa familia dando unha volta polo norte de España", comenta un home coa equipaxe na man.
Outros non se van. Chegan. Este 1 de agosto é un día de máis traballo no sector. O Observatorio Nacional de Turismo Emisor afirma que o 42 % dos españois collen as vacacións neste mes. "Eu sempre en agosto ata que me xubile, que viaxarei en setembro, que vai menos calor", confirma un turista.
De calor e turismo non imos ter queixa. Retratos no casco histórico e ingresos para os negocios. As previsións de ocupación en Santiago son semellantes ás do mes pasado.
"En xullo foi do 80 % e este mes calculamos que vai ser semellante", di Carlos Regueiro, da Asociación Hostalería Compostela.
O 52 % dos turistas que visita Santiago son estranxeiros. O resto, nacionais.