Os Franco aceptan devolver de forma inmediata as estatuas do Mestre Mateo a Santiago
O avogado da familia do ditador aclara nunha carta que van cumprir a sentenza de maneira voluntaria e de maneira total
Os Franco asumen de forma voluntaria a condena imposta polo Tribunal Supremo para restituír as estatuas atribuídas ao Mestre Mateo que formaban parte do Pórtico da Gloria da Catedral.
A alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín confirmou que a familia Franco aceptou devolver de maneira inmediata as estatuas do Mestre Mateo ao Concello e que emprazou ao Consistorio compostelán a recollelas no Pazo de Meirás, onde se atopan actualmente.
Esta decisión coñeceuse unha semana despois de que o Tribunal Supremo divulgase a sentenza que condena a familia Franco a devolver ao Concello compostelán as esculturas de Abraham e Isaac, procedentes do Pórtico da Gloria da catedral, ao estimar os recursos de casación e infracción penal interpostos polo consistorio de Santiago.
As dúas estatuas, inspiradas nos personaxes de Abraham e Isaac do Antigo Testamento, foron esculpidas polo Maestre Mateo no século XII para o Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, pero acabaron no Pazo de Meirás, do que Franco se apropiou, segundo unha sentenza que obrigou os familiares do ditador a devolveren ese inmoble ao Estado.
En declaracións á prensa convocadas de urxencia, Sanmartín explicou que a familia Franco remitiu unha carta ao avogado do Concello de Santiago, Xaquín Henrique Monteagudo, na que explicitan a súa intención de acatar a sentenza e piden á administración local que coordine a recollida.
Deste xeito, na misiva aclárase que van cumprir a sentenza de maneira voluntaria e de maneira total co que, segundo Sanmartín, se acredita que a familia claudica na súa batalla por tentar seguir sendo os dona dunhas estatuas deses profetas do Pórtico que evidentemente non lle pertencen.
“Por tanto, para nós é un día grande, un día grande para esta casa, un día grande para o Concello de Santiago, un día grande para a sociedade civil no seu conxunto”, esgrimiu a rexedora do BNG, que saudou o comezo da conta atrás para o regreso das figuras.
A recollida, avanzou, materializarase en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio e con todas as garantías, dado que se trata dun patrimonio que está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
Lembrou Sanmartín que o seu goberno xa iniciou o estudo pertinente para decidir o mellor lugar para as estatuas nunha primeira localización rápida e recibir as figuras canto antes, aínda que asemade se inicie un proceso xunto a persoas expertas en historia e memoria democrática para definir cal é o mellor sitio para que sexan situadas de maneira permanente.
Explicou a alcaldesa que para iso se avaliarán, por unha banda, as mellores condicións técnicas que poidan ter para a súa conservación e, doutra banda, que poidan estar nunha exposición aberta ao público de forma permanente nun lugar no que tamén poida expoñerse a historia das estatuas e o proceso de loita para a súa recuperación.
Respecto a este proceso, precisamente a actual rexedora agradeceu a súa implicación a todos os colectivos que formaron parte desta loita e tamén o labor dos seus predecesores no cargo, Martiño Noriega, que iniciou esta loita, e Xosé Sánchez Bugallo, que continuou con ela.