Os fármacos para adelgazar non son milagreiros por si mesmos
A demanda de produtos máis saudables está producindo cambios na industria alimentaria e na cesta da compra
Hai que acompañalos de hábitos nutricionais saudables e exercicio físico
"Non se pode dar por sentado que os fármacos antiobesidade sexan un milagre", afirma Luísa María Seoane, directora do grupo de Fisiopatoloxía Endocrinóloga do CHUS.
Os expertos falan alto e claro. Detrás da revolución farmacolóxica que supuxeron os novos fármacos contra a obesidade hai outros factores dos que depende o éxito ou o fracaso do tratamento.
"Si durante o tempo que dura o tratamento prodúcese un cambio importante de hábitos, unha adherencia importante á nutrición saudable, ao exercicio físico, tamén apoio condutual que iso é moi importante, si é certo que se poden manter os efectos do tratamento a longo prazo", explica a doutora.
Esta é a mensaxe que está calando na sociedade e que comporta novos hábitos tamén na cesta da compra, cambios que está a percibir a industria alimentaria para adaptarse á nova demanda. Un exemplo son racións máis pequenas e máis proteicas.
"Antes viñan de 100 gramos, agora son de 50 gramos. Outros eran de 150, agora son de 75 gramos. Menos cantidade e máis carne", apunta Rocío Lojo, charcuteira.
A este cambio súmase a ampla gama de produtos 0 %, en azucres, sal, graxas saturadas e alcol. A industria cervexeira leva anos ofrecendo esta alternativa cero alcol que tamén chega ao sector dos viños que reacciona ante unha demanda crecente.
"Ás veces é unha cuestión de saúde, unha cuestión dun embarazo, unha cuestión de idade, unha cuestión de buscar outras formas de consumo ou de non estar afectados polo control de tráfico. Hai diferentes factores, de feito nós lanzamos esta marca hai ano e medio máis enfocada ao novo consumidor, á xeración Z ou milenial, con todo xente de máis idade tamén está a consumir os nosos viños", explica Pablo Buján, director comercial dunha adega.