Medicamentos e material sanitario, entre as necesidades máis urxentes
A Federación Venezolana de Galicia coordínase con ONGs especializadas en envíos internacionais para asegurarse de que as doazóns chegan ao seu destino en boas condicións
Todo empeza nos puntos de recollida, grandes espazos coma o de Riazor e tamén pequenos establecementos coma unha tenda de Ourense que colabora na recollida. O máis delicado e tamén o máis importante é o traslado de medicamentos. Moitos precisan receita médica, refrixeración durante o traslado e tamén garantir a trazabilidade ata o destino. Ademais os aeroportos de Caracas e da Guaira están danados e os voos comerciais estanse desviando a centos de quilómetros. Por todas estas complicacións, a Federación de venezolanos de Galicia o que fai é recorrer a ONGs locais e internacionais especializadas na xestión deste tipo de catástrofes.
De entre todas as necesidades urxentes, o material sanitario é unha das prioridades, pero o seu traslado responde a protocolos específicos.
"A doazón internacional de medicamentos ten un protocolo, unhas guías, para controlar a trazabilidade e o bo estado do medicamento", explica Lorenzo González, presidente da asociación ourensá de venezolanos Alma Llanera.
Para facelo con garantías, a Federación venezolana de Galicia recorre a ONGs especializadas. Nos próximos días reuniranse con Farmamundi e en Caracas traballan con Cáritas. "Unha ONG seria, responsable e transparente que é o que cómpre nesta situación, para asegurarnos de que a axuda é eficaz, eficiente e chega a onde é necesaria", subliña Lorenzo González.
Tamén habilitaron un número de conta, para mercar aquí os medicamentos necesarios, seguindo as instrucións que reciben desde Caracas.
"Maniféstannos que, por desgraza, hai medicamentos que non se conseguen en Venezuela e outros que son moi caros, entre cinco e sete euros unha caixa de Aspirina que aquí custa 2 euros ou menos se é un xenérico", di Lorenzo González.
Sobre o terreo, centos de voluntarios colaboran no reparto da axuda humanitaria e informan das necesidades máis urxentes.
"Toalliñas, pañais para adultos e para nenos, colchonetas, sabas... porque temos que cubrilos da noite, do frío, da chuvia... van ser días longos", enumera unha voluntaria desde La Guaira.
Os danos son tan elevados que a situación de emerxencia vaise prolongar no tempo e as necesidades tamén irán cambiando.