Reto na A-6: é posible poñer en servizo un novo viaduto en menos dun ano?
Santiago Hernández, catedrático de Estruturas da Escola de Enxeñeiros de Camiños da Coruña, asegura que hai un precedente na reconstrución da ponte das Pías en dous meses
Son máis de 20 anos desde a entrada en servizo desta infraestrutura, vital para a nosa comunidade. Os cálculos dos expertos apuntan a que soportou o paso de 150 millóns de vehículos. Como se cada español pasase tres veces polo viaduto. Agora os técnicos enfróntanse a un traballo de enxeñería forense para responder a gran pregunta: que puido pasar.
Santiago Hernández, catedrático de Estruturas da Escola de Enxeñeiros de Camiños da Coruña di que "ese viaduto estaba en reparación polo que os problemas estábanse abordando. De feito, algúns dos cables de pretensado estaban corroídos. E ese pode ser un indicio".
O seguinte paso será determinar o estado do viaduto en sentido Madrid. É unha construción independente que podería manterse se a estrutura non presenta danos. Con esa axilidade recuperouse hai 24 anos a ponte das Pías en Ferrol.
Santiago Hernández pensa que é cuestión de poñerse a traballar. E pon coma exemplo que "en menos de dous meses inaugurouse a ponte restaurada cando aínda estaba en reparación a plataforma petroleira nos estaleiros de Ferrol. Iso demostra, di que a enxeñería española pode resolver isto rapidamente".
A construción de pontes e viadutos en España é unha referencia internacional.