As escaleiras mecánicas do barrio coruñés da Falperra sofren avarías continuas
Os veciños máis afectados son os que teñen problemas de mobilidade
Cinco treitos de escaleiras mecánicas conectan o barrio da Falperra coa rúa Juan Flórez da Coruña e, en teoría, facilitan a mobilidade da veciñanza. Dicimos en teoría, porque a realidade é que as avarías son continuas desde hai moito tempo. No seu día foi un proxecto pioneiro que prometía unha cidade máis inclusiva e accesible. Empezaron a funcionar hai dez anos, os mesmos que levan dando problemas.
"Case sempre hai algunha que está avariada, así que vas alternando un pouquiño de deporte e un pouquiño de comodidade", comenta unha moza.
"Sempre hai polo menos dous tramos avariados. É unha mágoa estar pagando imposto e non velos revertidos", láiase un veciño logo de subir as escaleiras a pé.
Cando están avariadas as cinco escaleiras mecánicas tocar subir paso a paso os 99 chanzos, demasiados para os veciños máis maiores. As chamadas ao Concello e aos técnicos encargados do mantemento son continuas e incontables.
"Cando as abren, vese todo completamente oxidado pola auga. Semella que teñen cincuenta anos", láiase outro veciño.
Ademais da humidade, hai terra, pedras e lixo nos mecanismos interiores. Os veciños cren que unha cuberta en cada tramo eliminaría o problema da auga e axudaría a protexer as escaleiras. Levan moitos anos demandando solucións porque a infraestrutura é indispensable para a mobilidade no barrio.