O esforzo do 061 durante as horas críticas no corte xeral de subministración eléctrica
Ese día recibiron 2.300 chamadas de pacientes e houbo que mobilizar 996 vehículos
Preocupaban os pacientes con aparataxe no domicilio que dependía da electricidade pero tamén estiveron moi pendentes das pataloxías nas que unha actuación rápida é crucial
O día do apagamento a central de coordinación de urxencias sanitarias de Galicia, o 061, puxo a proba os seus protocolos de actuación ante situacións semellantes. O 061 reforzou ese día o número de persoal, con máis teleoperadores, radiooperadores e persoal sanitario. Todo o equipo fixo un sobreesforzo para atender, en condicións anormais, todas as chamadas e casos que recibían.
Houbo avisos de accidentes de tráfico e patoloxías nas que o tempo de actuación é crucial para a súa recuperación.
"O que nos preocupaba foi moito a patoloxía que dependía moito do tempo de actuación para que o paciente recupere, pacientes con ictus e infartos de miocardio. Atendemos sete pacientes con ictus e infartos atendemos dous con código un, que consiste en facerlle unha anxioplastia de urxencia para abrir esas arterias coronarias e que o paciente no teña secuelas posteriormente", destaca Román Gómez, director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061.
Unha das maiores preocupacións dos profesionais do 061 eran os doentes conectados a aparellos médicos no seu domicilio que dependían de baterías ou electricidade.
"O que fixemos foi poñer puntos de recarga en 28 puntos de Galicia en áreas sanitarias, para que os familiares puideran ir recargar alí o aparataxe e dese a central de coordinación monitorizabamos a cantidade de reserva de osíxeno que lle quedaba ao paciente domiciliario. Cando lles quedara dúas horas de reservas mobilizabámolos loxicamente a un hospital. Tivemos que mobilizar algún, pero moitos menos do esperado afortunadamente", engadiu.
Nesa xornada mobilizaron uns 996 vehículos de emerxencia e atenderon unhas 2.300 chamadas de pacientes.
