OPINIÓN
Quen apagou a luz? Ninguén, segundo todos, por María Bastida
E quizais iso sexa o que verdadeiramente debería preocuparnos: que a ninguén lle interese de todo que saibamos o que pasou. Porque identificar un fallo concreto implica consecuencias. Se foi unha planta a que se desconectou indebidamente, hai responsabilidade técnica e legal. Se foi un erro de planificación, hai implicacións regulatorias e políticas. Mellor, entón, manter a néboa e esperar que pase o temporal mediático.
Mentres tanto, os cidadáns si sabemos o que si está a pasar: a factura da luz subiu máis dun 11 %, as comercializadoras pequenas temen pola súa supervivencia e a transición enerxética cambaléase entre présas políticas, enxeñería a medias e gobernanza descoordinada. Podemos entender que haxa tensións técnicas nun sistema en transición. O que custa aceptar é que unha engrenaxe que move miles de millóns e esixe coordinación cirúrxica entre actores públicos e privados funcione no seu momento máis crítico como unha mala partida de dominó mal montada por varios xogadores cos ollos vendados.
E, quizais por iso, entre informes que se pisan, se contradín ou simplemente calan, emerxe un tímido denominador común: un curtocircuíto de gobernanza, transparencia e responsabilidade compartida. Porque cando todos se esconden, se protexen ou se sinalan sen achegar datos, o único que brilla é a desconfianza.