A primavera ven cargada de alerxias
Estímase que un 25% da poboación urbana, dos que máis dun 40% son nenos e nenas e xente moza, reacciona a algún tipo polínico
Nas cidades hai unha maior concentración de especies alérxenas e a contaminación do aire favorece a sensibilidade ao seu pole
Coa chegada do tempo seco e solleiro comeza a floración das diferentes especies arbóreas e con ela os primeiros síntomas provocados pola alerxia ao pole dos plataneiros, os bidueiros e tamén as gramíneas. Pero este ano por mor das abundantes chuvias hai máis episodios de alerxia aos ácaros.
"O que ten a chuvia é que provoca moita humidade nos domicilios e iso favorece o crecemento dos ácaros. Estamos vendo moita alerxia aos ácaros que xa empezou no mes de outubro. Segue pola persistencia das chuvias. Houbo esas semanas de bo tempo e a xente xa empezou a poñerse nerviosa porque se ve moito polen amarelo, tanto dos piñeiros como dos plataneiros. E tamén está comezando a polinización dos bidueiros", explica Susana Varela Losada, alergóloga do CHUO.
O número de persoas afectadas por enfermidades alérxicas causadas polo pole experimentou un notable incremento. Estímase que un 25% da poboación urbana, dos que máis dun 40% son nenos e nenas e xente moza, reacciona a algún tipo polínico.
"O que recomendo é que se teñen síntomas que comecen co tratamento. Os pacientes que non están diagnosticados que acudan á consulta do alergólogo para saber á que teñen alerxia e tomar un tratamento. Que pasen máis tempo na casa, pechen as ventás, ventilen pouco rato, mellor pola mañá, e pola rúa que vaian protexidos con lentes de sol ou mascarillas se teñen moitos síntomas", di Susana Varela
Cada día o equipo GISA de investigación do Laboratorio de Aerobioloxía da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense recolle mostras de pole e alérxenos.
Cos datos das medicións que realizan diaria e semanalmente na terraza da Falcultade de Ciencias de Ourense desde o ano 93 teñen un mapa da carga alérxena da atmosfera das cidades galegas.
"Todos os que sexan alérxicos poden consultar todos os mércores a partir das dúas da tarde os datos das principais cidades galegas na páxina da Consellería de Sanidade (SERGAS). Tódalas semanas recollemos os datos nesas cidades, collemos as mostrar e as levamos ao laboratorio e emitimos un informe para a Consellería. Ademais, facemos unha predición de sete días para axudar a xente que ten alerxias e teñen máis sensibilidade para que saiban se teñen que empezar a tomar os antihistamínicos", indica María Fernández, investigadora do Laboratorio de Aerobioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense.
Segundo os estudos é nas cidades onde hai unha maior concentración de especies alérxenas, e a contaminación do aire favorece a sensibilidade ao seu pole.
"Temos estudos nos que observamos que a priori a xente pensa que hai máis sintomatoloxía alérxica no rural, e é verdade que hai maior concentración de pole pero onde atopamos maior porcentaxe de persoas con sintomatoloxía alérxica é nas cidades. Aínda que haxa menos polen, os arbores están máis estresados coa contaminación, entón en cada gran de polen pode haber un número moito maior de proteínas alerxénicas. Co cal nas cidades é importante facer unha xardinería hipoalerxénica para que deste modo as persoas que teñen máis sensibilidade non teñan tanta sintomatoloxía", sostén María Fernández.
Segundo as investigacións os datos constatan xa algúns efectos do cambio climático como por exemplo, que as temperaturas moderadas dos invernos están a mudar os períodos de floración das árbores, agora estanse alongando no tempo, co cal a sintomatoloxía alérxica das persoas que son sensibles tamén se vai alongar.