Tres detidos na Coruña por usar persoas en situación irregular para traballos sen pagarlles
Segundo a Policía Nacional, os autores, ademais de vulnerar os dereitos laborais, sociais e económicos, se lucraban igualmente ao eludir o pago das correspondentes cotas á Seguridade Social

A Policía Nacional detivo tres persoas na Coruña por un delito contra os dereitos dos traballadores, en concreto por recorrer a persoas en situación irregular para obras de reforma sen darlles o material adecuado ou pagarlles, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.
A investigación iniciouse coa localización dunha empresa que se dedicaba a realizar reformas en domicilios utilizando para iso a cidadáns estranxeiros sen permiso de traballo.
A empresa, que actuaba baixo diversas denominacións, tiña a súa sede xurídica en Granada e publicitábase para realizar reformas na cidade da Coruña, creando recensións positivas de supostos clientes para conseguir outros interesados nos seus traballos.
Unha vez conseguido o cliente, para executar os traballos publicitaban a oferta de demanda de emprego en coñecidas páxinas de Internet e captaban persoas en estado de necesidade inmediata de traballo para a súa subsistencia.
Os traballadores eran citados directamente no lugar da obra que concertara e alí mesmo concretábanlles as condicións laborais con promesa de futuro contrato se desempeñaban o seu labor correctamente.
"Realizaban unha proba in situ para demostrar a súa valía, permanecendo xa nese momento na obra, sen facilitarlles ningún tipo de material adecuado para a realización dos labores de albanelería que realizaban", explica.
As xornadas alongábanse 10 e 11 horas diarias, incluídas as fins de semana.
"Acordaban cos seus traballadores pagarlles de maneira semanal, pero chegado o momento os empresarios negábanse a aboarlles o salario, aproveitándose de que estas persoas, ao acharse en situación de irregularidade, presumiblemente non denunciarían os feitos", engade.
Segundo a Policía Nacional, os autores, ademais de vulnerar os dereitos laborais, sociais e económicos recoñecidos pola lexislación vixente (xornada laboral, salario ou medios necesarios para desenvolver o traballo con seguridade), lucrábanse igualmente ao eludir o pago das correspondentes cotas á Seguridade Social que han de efectuarse por cada un dos traballadores.
Os tres responsables desta empresa foron detidos na Coruña o 25 de abril, comprobándose que se aproveitaron da situación de polo menos oito traballadores en diferentes obras.