Nin colutorios, nin gomas de mascar, nin exercicio físico... Son todos falsos mitos para enganar os etilómetros
Nin colutorios, nin gomas de mascar, nin exercicio físico... Son todos falsos mitos para enganar os etilómetros
Os etilómetros da DXT son precisos e non valen trampas para intentar enganalos
Nin colutorios, nin gomas de mascar, nin froitos secos, nin exercicio físico, son falsos mitos para enganar os etilómetros
O debate de se son eficaces ou non as estratexias para eludir un positivo nun control de alcolemia volve de novo tras a condena xudicial a un condutor de Sarria. Tras duplicar a taxa de alcol permitido argumentou que ía sobrio e que o alcol procedía dunha enxaugadura bucal que levaba etanol na súa composición. Pode un colutorio confundir o etilómetro da DXT?
"Ao meu xuízo, non. É dicir, os colutorios teñen gran cantidade de etanol na súa composición, ás veces cantidades importantes, de tal xeito que se nós facemos unha enxaugadura con ese colutorio, pódenos quedar restos de etanol en boca. O alcol que detecta o etilómetro é o alcol que existe no aire do alvéolo, non é o alcol que existe na boca", explica Manuel López Rivadulla, catedrático emérito de Toxicoloxía da USC
Esa argumentación usou o xuíz para finalmente condenar o infractor. Non é a primeira vez que sucede. Durante a pandemia outro argumentou que o seu positivo era porque o axente limpara con xel hidroalcólico o aparello xusto antes da proba. Tampouco coou.
"Nin medicamentos, nin bombóns de licor, nin alimentos que poidan ter un contido baixo en alcol van poder dar eses resultados", apunta o toxicólogo.
Malia que a DXT insiste na precisión das súas medicións e que non hai falsos positivos, son moitos os mitos que circulan sobre como enganar os etilómetros.
"Cando vexo un amigo que está así un pouco pasado cómprolle froitos secos".
"Intenta facer unhas flexións, intenta correr, saltar".
"A goma de mascar tamén seica din que axuda", contan varios condutores.
"A única forma para que desapareza o alcol é, e cito as palabras dun coñecido patólogo inglés, que só o tempo te poñerá sobrio", conclúe o experto en toxicoloxía.