Os enfermos de párkinson piden máis medios e máis sensibilidade
Este 11 de abril celébrase o Día Mundial do Párkinson
En Galicia estímase que afecta unhas 9.500 persoas
Este 11 de abril celebramos o Día Mundial do Párkinson, unha doenza que afecta cada vez máis persoas a idades moi temperás. É a segunda enfermidade dexenerativa de España logo do alzhéimer. Máis de 160.000 persoas a padecen. Algún enfermo chega a gastar 500 euros ao mes en terapias de acompañamnto con logopedas, adestradores persoais ou psicólogos.
Nalgúns casos funciona a medicación conseguindo resultados sorprendentes. O exercicio, os logopedas e os psicólogos completan o tratamento que case sempre se paga do propio peto ou co apoio das asociacións.
Os enfermos tamén piden a comprensión da sociedade e o apoio dos gobernos para mellorar a súa calidade de vida aínda que padezan unha enfermidade dexenerativa e incurable polo de agora.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) conmemora este sábado o Día Mundial do Párkinson e subliña os máis de 350 pacientes tratados coa técnica 'hifú' en Galicia.
A Consellería de Sanidade lembra que o párkinson é, despois do Alzhéimer, o segundo diagnóstico máis frecuente entre os maiores de 65 anos. En Galicia estímase que afecta arredor de 9.500 persoas.
Tratamentos personalizados
O Servizo Galego de Saúde subliña a importancia de desenvolver tratamentos personalizados que teñan en conta as circunstancias privados, familiares, laborais e sociais de cada paciente.
Nos últimos tempos, destacou que a tecnoloxía de alta precisión converteuse nun aliado clave no tratamento do párkinson e do tremor esencial. Entre estas innovacións destaca o uso do HIFU, un procedemento que emprega ultrasóns focalizados de alta intensidade.
O Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) actúa como centro de referencia para a aplicación desta técnica, atraendo pacientes doutras comunidades autónomas: preto de 110 persoas, maioritariamente de Castela e León, Asturias ou Cantabria. No caso concreto do párkinson, 26 pacientes foron tratados con esta tecnoloxía.
Os síntomas motores, xunto coas posibles complicacións asociadas, dificultan en moitos casos o manexo da enfermidade e evidencian a importancia das unidades especializadas.