Os drons xa coidan as viñas da Ribeira Sacra
Unha adega de Sober recorreu con éxito a estes aparellos ante a falta de man de obra que padece o sector
Xa aplican produtos autorizados, pero os viticultores están pendentes de que se autorice o seu uso para todos os fitosanitarios
Un dron estivo a traballar nunha das viñas máis inaccesibles de Amandi, en Sober. Conseguiu aplicar con éxito un herbicida a base de vinagre, realizando en seis horas o traballo que lles levaría vinte días a dous operarios.
Segundo o viticultor que o contratou, da adega Régoa, viuse abocado a recorrer a esta nova tecnoloxía ante a falta de man de obra.
"É a única solución. Se non podemos aplicar cun dron, desaparecemos porque non hai posibilidade de traballar nesas condicións. Imposible", sentencia o adegueiro José María Prieto.
Polo momento, o coidado das viñas con drons está limitado a determinados tratamentos. Dende o sector demandan, polo tanto, un cambio lexislativo que permita aplicar todo tipo de produtos fitosanitarios con estes aparellos.
"Estamos pendentes de que o Goberno autorice os drons como medios de terra. Como medios aéreos, os drons teñen moitas limitacións. Por exemplo, os fitosanitarios non se poden utilizar con eles", engade José María.
Noutros labores, coma a poda ou a vendima, os aparellos electrónicos seguirán sen suplir a man dos xornaleiros nesta viticultura heroica da Ribeira Sacra.