Os concellos do Val Miñor combaten a hipertensión coa marcha nórdica
Nigrán, Baiona e Gondomar financian un proxecto piloto no que participan 45 persoas
Os concellos do Val Miñor van financiar un proxecto piloto en Galicia para combater a hipertensión mediante o deporte.
A idea nace do persoal residente comunitario de enfermería do centro de saúde da Xunqueira, en Nigrán. O seu obxectivo non é outro que mellorar a calidade de vida das persoas hipertensas.
O método utilizado será a marcha nórdica, un deporte de baixo impacto que ensinará un instrutor especializado dúas horas á semana.
No proxecto van participar un total de 45 persoas dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar, seleccionados a través do seu centro de saúde e que terán un seguimento continuo.
A iniciativa, que é gratuíta, custa uns 6.000 euros. Esa achega correrá a cargo dos tres municipios do Val Miñor, convencidos de que investir en deporte é aforrar en saúde.
Os seus beneficios coñeceranse en maio. Queren que este proxecto piloto, que se inicia no Val Miñor, sexa quen de chegar a todos os puntos de Galicia.