Especialistas en cardioloxía urxen a retomar os controis de doentes crónicos
Cardiólogos de Santiago, Coímbra, Porto e Salamanca, reuníronse en Compostela para compartir experiencias
Nos seis primeiros meses deste ano a mortalidade aumentou en España e Portugal un 20 %, en comparación con 2019
Segundo os cardiólogos, é posible previr a enfermidade cardiovascular en máis do 80 % dos casos seguindo unha serie de recomendacións básicas: controlando os nosos niveis de colesterol, de glicosa, a presión arterial... e mantendo hábitos de vida saudables.
"É posible vivir cen anos sen enfermidade cardiovascular e sen pastillas na maioría dos casos con educación para a saúde, non fumar nin estar nun ambiente no que fumen, facer exercicio regular dunha certa intensidade e canto máis idade, máis exercicio, coidar a alimentación", di José Ramón González Juanatey, xefe do servizo de Cardioloxía do CHUS.
Especialistas en cardioloxía e cirurxía cardíaca de Santiago, de Coímbra, do Porto e de Salamanca reúnense este sábado en Compostela. Desenvolven proxectos de investigación conxunta e comparten experiencias e necesidades de melloras na atención asistencial.
"Nos seis primeiros meses deste ano 2022, comparado co ano previo á pandemia, 2019, a mortalidade aumentou en España e en Portugal un 20 por cento. A perda do control dos pacientes e a perda do seguimento dos pacientes é un dos grandes problemas", asegurou.
Poñen de manifesto a importancia de recuperar, despois da pandemia, a continuidade asistencial no seguimento dos pacientes crónicos.
"Ou recuperamos todo o noso modelo de saúde pública e o noso modelo social ou senón imos pagalo todos", engadiu o xefe do servizo de Cardioloxía do CHUS.