Os bonos turísticos da Xunta animan as reservas para a ponte
As previsións de ocupación hoteleira están entre o 80 e o 90%
Os bonos turísticos da Xunta, que caducan o día 15, animan o turismo interno
As previsións do tempo e a Covid xa provocaron alguna cancelación. Pero, en xeral, a hostalería galega ten boas expectativas para a ponte da Constitución. "As previsións para esta ponte están entre o 80 eo 90% da ocupación, porén hai tamén hoteis que colgarán o cartel de completo" di Cesáreo Pardal. Presidente do Clúster do Turismo de Galicia. Unha previsión que comparte Carlos Rigueira, representante da Asociación de Hostaleiros de Santiago que agarda que xa na ponte e para o ano se note un ambiente de "verdadeiro Xacobeo".
Na ponte prevese moito turismo interno, sobre todo de galegos que mercaron o bono turístico da Xunta. Hai máis de 1200 hoteis, casas rurais ou balnearios para gastar estas tarxetas de prepago, e cómpre facelo axiña. "Esperamos que estes días se faga un gasto masivo do bono porque se non o día 15 van perder os cartos que investiron nesa tarxeta" advirte Cesáreo Pardal. "O turismo galego estase a mover bastante co bono, as condicións son moi boas e a xente benefíciase da compra" engade Rigueira.
No que vai de outono, gastáronse dous millóns de euros nestes bonos, unha importante inxección económica para un dos sectores que máis está a padecer a pandemia.