Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preparan os bancais para o primeiro bosque comestible de Ribeira

Preparan os bancais para o primeiro bosque comestible de Ribeira

A asociación Sachos á rúa promove este bosque e chama á participación de todos, sexan ou non veciños de Ribeira.

O resultado será proveitoso para todos os que visiten no futuro o parque de San Roque.

G24.gal 13/12/2025 14:04 Última actualización 13/12/2025 14:37

A asociación agroecolóxica Sachos á rúa pretende reverdecer Ribeira. E un dos seus proxectos é crear un bosque comestible no parque de San Roque. Esta semana comezaron a traballar para delimitar o terreo.

"Están deseñadas no proxecto todas as plantas e árbores que imos poñer neste terreo, árbores grandes e pequenas, verduras. É todo un complemento de distintas clases de plantas que forman o que se chama a agricultura sinérxica", conta Manuel González, tesoureiro da asociación Sachos á rúa.

"As especies arbóreas protexen dos ventos ou dan sombra nun sitio que é demasiado solleiro e as especies máis baixas quedan protexidas. Neste caso, imos poñer especies moi distintas, todas elas que dan algún produto comestible: castiñeiros, nogueiras, amoras, arandos, verduras, todas convivindo unhas con outras", explica Nela Abella, da asociación Sachos á rúa.

A cita é os martes e sábados pola mañá. Poden achegarse persoas de todas as idades, con ganas de traballar pero tamén de aprender e de gozar de momentos de lecer ao aire libre. Non fai falta ser de Ribeira nin dispoñer de moitas horas.

"Este é un proxecto aberto a todo o mundo e á parte o que pretendemos facer é unha aula para facer cursos gratuítos e que aquelas persoas que veñan colaborar no traballo tamén se informen de cuestións como facer fertilizantes naturais, tratamentos para plantas ou árbores, como se traballa un terreo en base á agricultura ecolóxica ou a permacultura", di Manuel González, da asociación Sachos á rúa.

É un plan a longo prazo, no que pode participar todo o mundo, e tamén será proveitoso para todos os que visiten este bosque no futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade