Máis de 80 tractores cortan a N-120 no acceso á cidade de Ourense
Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema convocan en Lugo unha cea reivindicativa con tenreira e leite
Continúan as protestas contra o acordo de libre comercio que asinaron este sábado a UE e o Mercosur
Acumulan desvelo e cansazo despois de vinte días de mobilizacións, pero manteñen a firmeza coa que iniciaron as protestas contra o acordo asinado este sábado entre a UE e o Mercosur que, aseguran, podería supor a condena do sector primario.
Á mañanciña, uns douscentos agricultores e gandeiros con máis de oitenta tractores bloquearon a N-120 en Ourense, na avenida Ribeira Sacra, unha das principais vías de acceso á cidade.
Instalaron unha carpa e fixeron provisión de leña e víveres para pasar a noite.
"Imos estar aquí ata que nos boten", explica a Europa Press Miguel Gómez, gandeiro de Maceda e portavoz dos manifestantes.
Sobre as 6:30 horas acenderon os seus tractores na contorna da Subdelegación do Goberno, onde comezou a súa protesta o pasado 29 de decembro, para dirixírense ata esta estrada na zona urbana.
Gómez agradece o "apoio" dos transportistas aos que impediron o paso e tiveron que dar a volta. Xa na zona da protesta, próxima ao centro comercial Ponte Vella, prenderon fogueiras.
Afirma que este corte en plena cidade de Ourense "faise polo incumprimento das promesas dos corpos policiais". Segundo explica, abandonaron o bloqueo na A-52 tras comprometérense a permitir outro durante a semana, pero non se puido levar a cabo.
O tratado de libre comercio culmina case 26 anos de negociación e establece un novo marco de relacións que, co campo europeo e media ducia de países en contra, pode entrar en vigor de xeito interino.
Porén, deberá superar un tenso proceso de ratificación para a súa aplicación definitiva.
Protestas en Lugo
Mentres, continúan as protestas do sector en Lugo, convocadas por Agromuralla e a asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
A pasada noite fixeron unha foliada e para este sábado organizaron unha cea reivindicativa con tenreira e leite.
O domingo farán unha "xornada de portas abertas" para que a rapazada poida coñecer de preto os tractores.
O sector agrogandeiro quere situar o foco sobre a diferencia de estándares, requisitos e controis no proceso de produción de alimentos.
Tractores na N-120 este sábado