Francisco Bello: "Estamos preparados para competir en igualdade de condicións"
O presidente de Asaga pide unha Política Agraria Común forte e cun presuposto específico para as axudas ao sector
A Asociación Agraria de Galicia pediralle a Bruxelas que suavice as regras fronte a dermatose nodular contaxiosa
O presidente da Asociación Agraria de Galicia, ASAGA, considera que o Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e o Mercosur suporá máis eivas que beneficios para o sector agrario.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Francisco Bello explicou que as explotacións de vacún, de aves, os cerealistas e os arroceiros sairán prexudicados. Tamén os produtores de mel porque entrarán no mercado "outras 45.000 toneladas principalmente da Arxentina".
Augurou que algunhas granxas acabarán pechando.
"En carne xa estamos importando 200.000 tonelados ao ano e agora fálase doutras 99.000. O que nos preocupa é que se cumpran os mesmos estándares de salubridade".
O responsable de Asaga pediu igualdade de condicións porque, afirmou, os agricultores e gandeiros galegos están preparados para competir e saben como facelo.
"Entendemos que estamos preparados para competir con calquera outro país, con calquera produción porque temos recursos e sabemos facelo pero non temos ferramentas en igualdade de condicións como teñen outros. Necesitamos avanzar na restruturación da terra e temos que avanzar nas políticas de axuda ós gandeiras no sentido de facilitarlle a vida con menos burocracia e con menos restricións".
O presidente de Asaga destacou que un dos puntos positivos do acordo co Mercosur será o abaratamento de produtos de consumo animal que as explotacións galegas veñen mercando, dende hai moitos anos, a países de América do Sur como é o caso da soia.
Política Agraria Común
Francisco Bello lamentou , na entrevista da Radio Galega, que cada vez que toca negociar a PAC se recorten os fondos destinados ao campo.
Criticou o recorte dun 22% de recursos que propón Bruxelas e acusou á Comisión Europea de querer "desmembrala" ao pretender que deixe de ser un paquete único no que ata agora se incluían as axudas directas ós agricultores e as desetinadas ao desenvolvemento e a innovación do agro.
"O que fai falta é, sobre todo, concienciar aos políticos, non só de agricultura senón tamén aos de economía de que a base de calquera país ten que ser a alimentación. Temos que ter soberanía alimentaria, temos que garantir que imos producir alimentos para a poboación nun momento no que temos unha dependencia forte do exterior. A seguridade, que hoxe é clave no mundo, empeza por ter seguridade alimentaria".
Dermatose nodular
Francisco Bello advertiu, na entrevista dos domingos da Radio Galega, do impacto que podería ter en Galicia a dermatose nodular contaxiosa que afecta ó gando vacún.
"O impacto da entrada en Galicia sería espectacular porque habería que restrinxir os movementos e a saída de produtos das explotacións en zonas que se vacinen porque haxa incidencia e de haber un caso nunha explotación habería que sacrificar toda a cabana. Consideramos que é unha auténtica loucura"
O presidente de Asaga explicou que lle están solicitando a Bruxelas que modifique o regulamento de loita contra a dermatose nodular contaxiosa.