As bolsas europeas rebotan máis do 1 % tras dúas sesións de fortes caídas polo conflito de Irán
A media sesión, o selectivo Ibex 35 revalorizábase un 2,08 %
Marta Fernández/Europa Press/Arquivo
As grandes bolsas europeas rebotan este mércores entre o 1 % e o 2 %, despois de encadear dúas sesións de fortes caídas afectadas polo medo ás consecuencias xeopolíticas e económicas que poden carrexar os ataques dos Estados Unidos e Israel contra Irán.
A media sesión, o selectivo Ibex 35 revalorizábase un 2,08 % respecto ao peche da véspera. O índice Euro Stoxx 50, que recolle as principais cotizadas europeas, anótase unha alza do 1,88 %, Frankfurt rebota o 1,69 %; Milán, o 1,66 %; París, o 1,24 %, e Londres, o 0,69 %.
O prezo do cru tamén sobe con menor intensidade que nos dous días previos, nos que chegou a dispararse máis do 12 %. O brent, de referencia en Europa, avanza o 0,69 %, ata os 82,01 dólares, mentres que o petróleo intermedio de Texas (WTI, polas súas siglas en inglés) gaña un mínimo 0,08 %, ata os 74,60 dólares, antes da apertura oficial do mercado nos Estados Unidos.
O brent chegou a subir durante a madrugada do luns máis dun 13 % na súa primeira reacción á ofensiva conxunta lanzada porlos EUA e Israel contra Irán.
O prezo do gas natural, que chegou a encarecerse o 72 % durante o luns e martes, corrixe e baixa hoxe o 10,06 %, ata os 48,44 euros por megawatt hora (MWh).