Os bombeiros salvan das lapas unha nave no polígono de Forcarei
Malia que os danos materiais son importantes, non hai que lamentar feridos
Grazas á rápida intervención dos bombeiros da Estrada e do Deza, que traballaron durante máis de seis horas, puido conservarse a estrutura desta nave. Os primeiros indicios apuntan a que o lume comezou nun vehículo industrial que estaba no interior. Malia todo, a Garda Civil está a investigar a orixe das lapas.
Ao lado estaba outra furgoneta e un coche que quedaron danados pola calor que se acadou no interior. Ademais dos coches danados arderon dous palés de mercadoría, taboleiros, que empregan nesta fábrica de armarios, e a zona do almacén ten abondosos danos, ao derreterse parte das instalacións de electricidade e o revestimento exterior.
Ao chegar xa vimos unha saída de fume importante, estaba afectado os paneis laterais da nave e estaba ardendo unha furgoneta no interior e dous paneis grandes de madeira. Estaba todo cheo de fume con moita carga térmica, con gases moi quentes na zona superior que se estenderon a toda a nave, di Manuel Martínez Xefe de Garda do Servizo de Emerxencias da Estrada .
A sorte foi que a nave industrial, sita no polígono de Vilapouca, tiña alarma. Iso fixo que o operativo contra incendios se puxese en marcha case ao momento de comezar o lume.
Entramos pola porta principal para facer un ataque mais rápido e ao mesmo tempo fixemos un acceso polos paneis laterais que estaba preto da mercadoría que estaba ardendo e evitar que se propagase ao resto da nave. Neste caso a alarma foi a que saltou a que detectou o incendio, avisou ao dono, que foi moi rápido en chegar ao sito e chamar a emerxencias. E todo ese conglomerado de circunstancias fixeron que se puidese salvar a nave afirma Martínez.
Na nave había moito material combustible, ademais dos paneis de madeira, traballan con disolventes e vernices, o que obrigou aos bombeiros a traballar como moita rapidez.