A asociación Alento celebra os 25 anos en Vigo cunha tortilla para mil comensais
Deste xeito, a asociación viguesa de dano cerebral quixo agradecer o apoio da veciñanza de Navia, onde ten a súa sede
A asociación de dano cerebral Alento celebrou o seu 25 aniversario cunha festa no barrio de Navia onde fixo a tortilla de patacas máis grande da historia de Vigo para mil comensais.
Deste xeito, quería agradecer o apoio da súa veciñanza dende o seu nacemento. Por iso, decidiu regalarlles música e comida no barrio onde ten a súa sede, en Navia.
"Temos moito que celebrar. Hai 25 anos non soñabamos con poder estar hoxe cos recursos que temos agora, facendo o servizo público que estamos a facer, e queremos dar as grazas. E como queriamos atraer e invitar a moita xente, quixemos facer unha tortilla de patacas nin máis nin menos que para mil persoas, que son 200 quilos de tortilla", conta a TVG Gonzalo Mira, o director, xerente e socio fundador de Alento.
E 1800 ovos, e 150 quilos de pataca ben pochada, e unha tixola de dous metros e medio de diámetro. Ao cargo da tortilla monumental está "O ovo da avoa", a mesma empresa que en setembro de 2024 acadou o Récord Guinness da maior do mundo, desbancando a unha feita en 2014 en Vitoria-Gasteiz.
"Nós levamos toda a noite traballando, pelando as patacas, cortando as patacas, prepochando as patacas. Porque date de conta que son 250 quilos de patacas, 1800 ovos, 30 litros de aceite... E esta fixémola con cebola. Sei que aquí hai un debate complicado. Pero para nós, todos os que estamos aquí, as 24 persoas que estamos facendo a tortilla, a todos nos gusta con cebola. E dixemos, se a nós nos gusta con cebola seguro que á maioría tamén. Entón aí vai, tortilla con cebola", conta Manuel Casal, o CEO da empresa familiar "O ovo da avoa".
E chegou o momento de darlle a volta, que se fixo coa axuda dun guindastre. E saíu ben esa tortilla con cebola que hoxe celebra os 25 anos de Alento. Pois parabéns, e que sexan outros tantos.