Un incendio arrasa unha nave dunha granxa en Friol
As lapas calcinaron un tractor e parte da palla que os propietarios da granxa gardaban nese espazo
Foron mobilizados os Bombeiros, efectivos do GES, a Garda Civil, Protección Civil e Urxencias Sanitarias de Galicia-061
Os servizos de emerxencias traballan este venres para sufocar un incendio que afecta a nave dunha explotación agropecuaria no municipio lucense de Friol, na parroquia de Lea.
Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), foi un particular quen avisou ao 112 arredor das once da mañá.
Foron mobilizados os Bombeiros, efectivos do GES de Friol, a Garda Civil, Protección Civil de Friol e Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para facer fronte ao lume.

As lapas calcinaron un tractor e parte da palla que os propietarios da granxa gardaban nese espazo. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.
Os traballadores da explotación puideron sacar as vacas antes de que sufriran dano.