Os bombeiros de Cangas liberan un condutor atrapado por un accidente de tráfico
O turismo foise da estrada e envorcou contra uns colectores de lixo
Un accidente de tráfico rexistrado a primeira hora desta mañá do domingo en Cangas obrigou a intervir os bombeiros para liberar o condutor do vehículo, que quedou atrapado no interior.
Sucedeu sobre as seis da mañá, preto do mercado municipal da localidade, na rúa Montero Ríos. Ata o lugar desprazáronse os equipos de emerxencia tras recibiren chamadas de emerxencia de testemuñas que presenciaron o accidente.
Indicaban que unha persoa estaba atrapada no interior do turismo, sen posibilidade de saír, tras impactar o vehículo contra uns colectores de lixo na beirarrúa. No seu percorrido chocou cun farol e un sinal que quedaron esnaquizados.
Os bombeiros do Morrazo lograron liberar o condutor, un veciño de Bueu, que recibiu no lugar os primeiros coidados por parte dos servizos médicos do 061, que o trasladaron logo ao hospital.
Axentes da Garda Civil de Tráfico tamén participaron no operativo e investigan as causas do accidente.