Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os antigos afiadores de Ourense adáptanse aos novos tempos sen perder a esencia

Os antigos afiadores de Ourense adáptanse aos novos tempos sen perder a esencia

Foron un dos símbolos da cidade, coñecida popularmente como a terra da chispa, pero hoxe en día apenas quedan afiadores

O afiado de calidade segue a ser moi demandado en sectores tan de moda coma os salóns de manicura

G24.gal 30/11/2024 14:21 Última actualización 30/11/2024 19:02

A última vez que Xosé Luis González tocou o chifre foi hai máis de trinta anos, en Venezuela. Quixo aprender un oficio daquela próspero que os galegos levaron ao outro lado do Atlántico.

"Había algún de Portugal, pero a maioría eramos de Galicia, catro ou cinco naquela época", relata o afiador e coiteleiro.

A Benito Carballo, o outro afiador que continúa a día de hoxe na terra da chispa, o oficio vénlle de familia.

"A miña familia foi afiadora de sempre. Empezaron coa roda, despois foron progresando á moto, o coche... ata que finalmente montaron o comercio", asegura.

Coma en todo, a reciclaxe foi clave para a subsistencia do negocio. De paragüeiría-coitelería, Benito foi ampliando a gama de produtos en venda, pero conserva o taller de afiado, a rebotica do negocio, coas moas de afiar e pulidoras adaptadas a cada utensilio.

"Unhas levan un gran máis grande ou máis pequeno para que desbasten máis ou menos. Non é o mesmo desbastar un coitelo que unha macheta ou unha tesoira".

José Luis afía con banda de lixa. Nesta época, véñenlle sobre todo con coitelos e coitelas da matanza. Pero tamén ten demanda dun sector en auxe.

"Chámanme de salóns de peiteado, sobre todo salóns de beleza, porque os instrumentos de manicura e pedicura son a miña especialidade", conta González.

Ilusión, bo facer e capacidade de adaptación son as claves dun servizo que, por fortuna, non se pode prestar por Internet. 

"Un coitelo, por moi bo que sexa, se o usas tes que acabar afiándoo", conclúe Benito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade