O Bolo inaugura un museo para pór en valor a olería do Seixo
Unha das súas peculiariades é que eran as mulleres as que daban forma e cocían as pezas en fornos comunais
Adultos e nenos intentan reproducir algunha das pezas típicas da olería do Seixo. Trátase dun obradoiro para dar a coñecer a importancia que, noutrora, tivo este oficio nesta aldea do Bolo, onde poucos gardan na memoria unha tradición que se perdeu a mediados do século pasado.
Estiman que puido chegar a haber ata cinco fornos comunais. A excavación dun deles permitiu afondar máis nas peculiaridades desta cerámica feita por mulleres, empregando un torno baixo que facía necesario a participación de dúas para darlle forma as pezas.
Unha tradición que se remonta, polo menos, ata o século XVIII, segundo destaca o arqueólogo que levou a cabo a intervención, Carlos Tejerizo. O obxectivo do concello é seguir investigando e facer visitable o forno.
Mentres, podemos coñecer máis sobre a olería do Seixo no museo que acaba de abrir as súas portas no Castelo do Bolo, cunhas 40 pezas.